Siempre es un placer ver que hay Ayuntamientos que se preocupan de proteger y poner en alza sus relojes de torre. En este caso se trata del Concello de Becerreá (Lugo). Copio y pego la noticia publicada en el Diario "El Progreso de Lugo". El texto se encuentra en gallego pero creo que no es de dificil comprensión.

21/01/2010 - Pilar G. Cheda / El Progreso (Becerreá)

O reloxo da casa consistorial de Becerreá volverá funcionar en breve. O goberno local decidiu recuperalo e encargou a súa restauración ó reloxeiro Pablo López, que dende novembro lle consagrou o seu tempo libre.

O mecanismo, de grandes dimensións e máis de cen quilos de peso, data de 1884 e foi construído por Canseco, un reloxeiro de Rabanal del Camino, no Bierzo, que fixo máis de 600 reloxos artesanais para distintos puntos de España e incluso para Xerusalén. Custara naquel momento 3.526 pesetas.

Nos anos 70 aínda funcionaba no antigo concello, despois botou anos desmontado nos baixos do xulgado e finalmente foi colocado no novo consistorio. Agora xa levaba tempo sen funcionar, cuberto de ferruxe e moi prexudicado polas goteiras que deterioran o consistorio.

Cando o alcalde llo propuxo, Pablo López púxose mans á obra. Documentouse sobre a obra do seu construtor, Canseco, estudou a maquinaria, de orixe francesa, e desmontouna peza a peza.

A restauración non se limitou á limpeza, senón á reposición da súa imaxe inicial. Ó limpar o óxido, o reloxeiro descubriu que en orixe a maquinaria estaba pintada de verde. Polo que procedeu a coloreala de novo. A pesar do óxido que a cubría por completo, non está moi deteriorada e o seu restaurador confía en que volva funcionar. "A publicidade que no seu tempo facía Canseco dicía que os seus reloxos podían durar 200 anos sen problema e este vai camiño deles", comenta López.

A engrenaxe complétase cunha campá de 150 quilogramos de peso que segue na torre do concello, coroada por unha veleta en forma de galo. Está programada para soar cada hora e repetir os toques ós dous minutos, ademais de marcar as medias. Só hai unha condición. "Hai que darlle corda cada día", advirte o reloxeiro.

Pablo López apunta que, aínda que Canseco colocou máis de 600 reloxos por toda España, en Lugo non hai máis que este. Pregúntase "canta historia viu pasar, coa República, a Guerra Civil..." e está decidido a asegurarse de que segue marcando o ritmo en Becerreá durante moitos anos. "De agora en diante, hai que facerlle revisións cada seis meses e engraxalo, para que non se volva deteriorar tanto", apunta. "Tamén hai que amañar a torre, para que non lle entre máis auga. Se non, non o deixo levar", di entre risas.

O restaurador xa lle daba corda de neno
Pablo López coñece os segredos do reloxio do concello dende neno. O seu pai era o empregado municipal encargado de darlle corda cada día e el, fascinado polas engranaxes, acompañábao e axudáballe.

Máis tarde, o destino quixo que volveran a unirse. O seu sogro, de quen herdou o negocio que hoxe rexenta, colaborou nos anos 80 na montaxe da maquinaria no novo consistorio.

Á terceira foi a vencida, pois nesta ocasión o contacto de Pablo López coa obra de Canseco xa se produce sen intermediarios. Lévalle dedicado máis de 200 horas dende o mes de novembro, case todo o seu tempo libre.

Na restauración colaborou tamén un torneiro local, Tonecho, que fixo un eixe que faltaba e reparou uns piñóns.